mércores, 18 de marzo de 2015

Regulamento das eleccións primarias (Versión A, 18/03/2015)
REGULAMENTO DAS ELECCIÓNS PRIMARIAS DE RIBADEO EN COMÚN ……..     2
Artigo 1. Obxecto…………………………………………………………………………………………............ 2
Artigo 2. Requirimentos para os electores……………………………………………...………............    2
Artigo 3. Requirimentos para os candidatos……………………………………………………...........    2
               Proceso electoral…………………………………………………………………………….............      3
Artigo 4.  A Asemblea…........…………………………………………………………………………………....    3
Artigo 5. Comisión electoral………………………………………………………………………….............    3
Artigo 6. Proceso de eleccións primarias abertas…………...........…………………………………..     4

REGULAMENTO DAS ELECCIÓNS PRIMARIAS DE RIBADEO EN COMÚN

Artigo 1. Obxecto

1.1. O presente regulamento ten por obxectivo establece-las normas para a celebración dunhas eleccións primarias para confeccionar a candidatura municipal que Ribadeo en Común (ReC en adiante) presentará ás eleccións municipais de maio de 2015.

Artigo 2. Requirimentos para os electores

2.1. Poderán votar nas eleccións primarias de ReC tódalas persoas censadas en Ribadeo maiores de 18 anos no momento da votación e que teñan asinado o manifesto fundacional.

Artigo 3. Requirimentos para os candidatos

3.1. Calquera persoa que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e que non incorra en ningunha das incompatibilidades recollidas neste apartado.
3.2. Cada persoa candidata deberá asinar por escrito o compromiso de cumprimento e defensa do programa (no estado no que no seu momento se encontre, xa que a súa construción é dinámica e aberta á participación), do código ético, do manifesto fundacional de ReC e da “Carta de compromiso”.
Nesta “Carta de compromiso” inclúese a obriga de cesar, nun futurible, do seu cargo como representante de ReC, no caso de decidirse no proceso revogatorio que se estableza pola asemblea, e a declaración de non incorrer en ningunha das incompatibilidades fixadas neste documento.
3.3. Cada persoa aspirante deberá entregar unha fotografía xunto cunha breve descrición do seu perfil e outra onde poderá expresa-la súa motivación persoal (por que cree que debe ser votada nestas primarias); que se empregarán na divulgación das candidaturas.
3.4. Non se permiten candidaturas conxuntas, listas ou calquera agrupación de candidatos. Os candidatos actuarán como veciños con propostas individuais.
3.5. Incompatibilidades das persoas candidatas
Non poderán participar como persoas candidatas no proceso de primarias:
a) as persoas imputadas por delitos relacionados con subornos, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, malversación e apropiación de fondos públicos
b) as persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia, delitos ecolóxicos, maltrato animal, contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
c) as persoas que teñan cargos en organizacións políticas (non sindicais, só partidos). Se as funcións se derivan unicamente dun contrato laboral, sendo así persoal contratado, poderá presentarse como un veciño máis.

Proceso electoral

Organos

Artigo 4. A Asemblea

4.1. Aproba e pon en marcha o regulamento para o proceso de eleccións primarias.
4.2. Fixa qué persoas se encargarán das tarefas e responsabilidades.
4.2. Aproba as resolucións da Comisión Electoral, e decide nos asuntos que esta remita.
4.3. Fixa os criterios que dan ou quitan validez ó proceso (equidade, xénero, representatividade, lexitimidade, ...).
4.4. Adapta, valida, aproba e publica: a lista electoral, un informe coa lista completa de escritos remitidos coas súas resolución motivadas.

Artigo 5. Comisión electoral

5.1. A dirección do proceso electoral e tódalas cuestións relacionadas con el corresponde á Asemblea de ReC, que delega o seu desenvolvemento nunha Comisión Electoral creada especificamente para este cometido.
5.2. A Comisión electoral estará composta por cinco persoas nomeadas pola Asemblea de ReC. Non poderán facer parte da Comisión Electoral as persoas que participen como candidatas no proceso de primarias. Sendo este o único requirimento.
5.3. Funcións da Comisión Electoral
a) Velar polas normas presentes neste regulamento e xestiona-lo proceso de elección para obter unha lista coas garantías de que esta sexa representativa de ReC, e dos seus principios.
b) Garantir a tódalas persoas aspirantes un acceso equitativo ás posibilidades de divulgación das candidaturas polos medios que decida esta comisión, previa aprobación da asemblea.
c) Garanti-la participación das veciñas e ós veciños organizando a debida información, acceso ós candidatos e candidatas, e ós puntos para a recollida do seu voto.
c) Interpretar este regulamento en relación as posíbeis queixas, denuncias e irregularidades que se poidan dar durante o proceso de primarias. Adopta-las decisións en base ós documentos de forma imparcial, motivando por escrito á asemblea tódalas decisións.
d) Resolver aquelas cuestións que non estivesen contempladas no presente regulamento. As decisións que non se podan adoptar por non estaren incluídas neste Regulamento e non estar en documentos base de ReC (manifesto, actas de asembleas), deberán estruturarse e dirixirse á asemblea; tendo capacidade para convocar con tres días de antelación unha asemblea extraordinaria cos únicos puntos a tratar os que solicite a Comisión relativos ó proceso de Primarias.
e) Establece-lo censo de electores baseándose neste regulamento.
e) Regula-lo funcionamento das mesas para garantir que o electorado emite un único voto.
f) Realiza-lo reconto e facer públicos os seus resultados.
g) Realizar un informe coa información do proceso para cumprir co compromiso de transparencia, que incluirá:
. Lista completa de escritos remitidos coas súas resolución motivadas.
. Lista de asuntos remitidos á asemblea e o motivo de dita solicitude.
. Actas das asembleas extraordinarias que se soliciten.
h) Debaterá e informará de asuntos relativos as Primarias que sexan consultados pola asemblea. Como exemplos: protección ante o “asalto” ou análise e decisión sobre propostas sobre o proceso de primarias.

Artigo 6. Proceso de eleccións primarias abertas

6.1. Fases e calendario
  • Aprobación do regulamento (18 de Marzo) e posta en marcha da comisión electoral (do 18 de Marzo en adiante).
  • Presentación do proceso de elección primarias abertas, abrindo o período de promoción e información a candidatas e candidatos (do 18 a 29 de Marzo).
  • Inscrición de candidaturas (do 29 a 31 de Marzo). Enténdese que as candidaturas presentadas fora de este prazo e antes do x de Abril (ten que toma-la decisión a comisión electoral unha vez constituída) serán válidas aínda que terán menos espazo en tempo de divulgación.
  • Validación e publicación das candidaturas presentadas dentro do prazo anterior (1 de Abril).
  • Publicidade política dos candidatos ou campaña electoral (1 a 7 de Abril)
  • Recollida de votacións (do Mércores 8 ó Domingo 12 de Abril)
  • Publicación dos resultados e o informe (Martes 14 de Abril)
6.2. Inscrición de candidatas e candidatos
6.2.1. A comisión electoral elaborará un formulario que se cumprimentará polas persoas candidatas directamente, ou coa asistencia dunha persoa de ReC se o require. Publicarase no facebook e distribuirase por e-mail para as persoas que podan interesarse.
6.2.2. Dito formulario xunto a copia impresa coa sinatura (incluíndo DNI, nome e apelidos) dos documentos que se requiren neste regulamento será entregado á comisión electoral (o segredo sobre todos os datos das persoas candidatas manterase até o día de publicación de candidaturas).
6.2.3. Previa publicación das candidaturas celebrarase una asemblea para valida-lo posible rexeitamento de candidatos e aprobar a lista de candidaturas para dar paso á súa presentación.
6.3. Presentación de candidaturas
6.3.1. Publicarase a relación de persoas candidatas nunha lista completa (ordenada polo nome que figura no DNI), coa foto, o perfil e o texto presentado pola persoa candidata. Farase no facebook, twitter e blog de ReC, e enviarase a tódalas persoas asinantes do manifesto e candidatas por e-mail.
6.3.2. As persoas candidatas disporán dun espazo dentro das ferramentas de comunicación de ReC para presenta-la súa candidatura así como a posibilidade de enviar dous comunicados mediante e-mail a toda a listaxe de asinantes de ReC.
6.3.3. As persoas candidatas poderán facer uso dos seus perfís persoais nas redes sociais, deberán ter en conta que os contidos difundidos neste medio poderán, se incorren nalgún dos casos contra o regulamento indicado, ser susceptibles dunha resolución da comisión electoral sobre a súa candidatura.
6.3.4. A Comisión Electoral propiciará debates públicos entre as persoas candidatas en espazos accesibles, a estrutura da mesma definirase en función do número de candidaturas presentadas.
6.3.5. Quedan expresamente prohibidos o uso de outros medios publicitarios alén dos postos a disposición por parte de ReC. En ningún caso se permitirá o o uso de materiais propagandísticos nin a publicidade pagada. (O incumprimento deste principio suporá a anulación da candidatura).
Artigo 7. Votación.
7.1. A recollida de votos farase durante oito horas, catro en día laboral e catro en fin de semana en cada unha das parroquias. Na vila en catro xornadas: oito horas en fin de semana, catro en día laborable en horario de tarde e outras catro en día laborable horario de mañá, e un Mércores de 10:00 a 15:00.
7.2. Poñerase a disposición unha “urna móbil” para facilita-la participación de persoas con limitacións de mobilidade se se solicita mediante correo electrónico ou chamada de teléfono.
7.3. Só se poderá votar de maneira presencial. Entendemos que a participación dixital cos medios dos que dispoñemos non garante a igualdade de representatividade, sendo os colectivos que non fan uso habitual de internet os prexudicados.
7.4. Nas mesas electorais haberá un mínimo de tres persoas que escollerá o comité electoral, persoas que terán a función de presidencia, secretaría e vogalía. Poderán formar parte das mesas electorais tódalas persoas que llo soliciten anticipadamente ó comité electoral e non figuren na listaxe de persoas aspirantes.
7.5. O dereito de segredo ó voto estará garantido polos medios loxísticos precisos.
Artigo 8. O sistema electoral.
8.1. Haberá unha única votación con voto ponderado, no que a persoa con maior puntuación final será designada candidata á alcaldía de Ribadeo por ReC. Elixiranse un total de 17 + 3 persoas.
8.2. Cada elector ou electora poderá votar de forma ordenada un máximo de 10 persoas, podendo distribuír os seus votos entre candidaturas colectivas e individuais.
8.3. O sistema de voto será o Dowdall, co seguinte esquema de ponderacións:
Primeiro lugar 1
Segundo lugar 0,5
Terceiro lugar 0,33
Cuarto lugar 0,25
Quinto lugar 0,20
Sexto lugar 0,17
Sétimo lugar 0,14
Oitavo lugar 0,13
Noveno lugar 0,11
Décimo lugar 0,1
8.4. As papeletas de votación incluirán os apelidos e nome de tódalas persoas candidatas. Pódese decidir se incorporar a imaxe ou non do candidato en dita papeleta.
8.5. Non se poderá facer campaña de forma agrupada, ou mediante candidatura conxunta ou lista.
8.6. Na papeleta, a orde de presentación tanto das candidaturas como das persoas, será alfabética usando o primeiro nome que figura no DNI.
8.7. Terán a condición de persoas candidatas suplentes as que unha vez realizado o escrutinio e a ordenación definitiva non lograron os puntos suficientes para seren candidatas titulares.
8.8. Os resultados das primarias serán corrixidos para que na lista definitiva figuren alternativamente persoas de diferente sexo, ou lista cremalleira.
8.9. No caso de que o número de persoas aspirantes non complete o mínimo de 20 precisos para conforma-la candidatura municipal, os postos necesarios ate completar ese número escolleranse entre as persoas integrantes de ReC (esas persoas ocuparían os últimos lugares da lista).

Ningún comentario:

Publicar un comentario