domingo, 16 de novembro de 2014

Metodoloxía para a elección dos cargos de xestión de Ribadeo en Común

O pasado martes día 11 de novembro, a asemblea de "Ribadeo en común" coma órgano soberano da nosa iniciativa, decidiu delegar as responsabilidades de xestión, control e representación da plataforma nunha estrutura formada por 10 persoas (unha secretaria, unha tesoureira, unha coordinadora, dúas portavoces, neste caso home e muller, e cinco para a comisión de garantías).

A metodoloxía a empregar na elección dos cargos foi deseñada na procura dunha participación activa do conxunto da plataforma e dun exercicio de rigor democrático.

Consiste nunha xornada de votacións, que terá lugar cada tres meses para favorecer o carácter rotatorio dos postos, onde calquera veciñ@ de Ribadeo -que teña asinado o noso manifesto- poderá escoller as persoas encargadas de asumir as responsabilidades descritas entre o censo da propia plataforma.

Deste xeito, a voz da asemblea é quen propón os cargos en base á confianza amosada polo conxunto, evitando a aparición de posibles dinámicas competitivas, como adoita acontecer cos mecanismos tradicionais empregados noutras organizacións (mesmo de carácter asembleario como a nosa).

En calquera caso, unha vez valorada as propostas xurdidas da votación, as persoas escollidas terán sempre a posibilidade de rexeitar o cargo e derivalo á seguinte persoa mais votada (no caso de empate a votos, decidirase por sorteo).

Para facilitar a selección, e unha vez garantida a promoción da participación en base á confianza, calquera de nós ten a posibilidade de presentarse coma voluntario para os cargos en función da súa dispoñibilidade e capacidades.

Os prazos  para candidatarse quedan abertos desde hoxe ata o día 17 de novembro (incluído), podendo facelo público a través do correo electrónico ou do blogue da plataforma.

O día 18 terá lugar a votación de xeito presencial na asemblea convocada a partir das 8:00 no cantón bar de Ribadeo, ou de xeito non presencial, mediante un soporte que se publicará o luns neste correo e sempre antes do comezo da asemblea.

O voto presencial respecta a posibilidade do anonimato, non sucede así por motivos de loxística co voto non presencial.

sábado, 25 de outubro de 2014

Manifesto


Ribadeo en Común
MANIFESTO
Un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo plantexámonos -como fan tamén noutros lugares de Galicia e de España- a necesidade de que a cidadanía participe e controle de xeito real a xestión dos asuntos públicos.
A nosa iniciativa non vai dirixida contra ninguén, non responde ao interese de ningún partido ou grupo político político concreto, nin é excluínte. Está aberta a todas as persoas que comparten as nosas preocupacións pola situación actual.
Vivimos unha crise non só económica senón de todo o sistema, causada pola cobiza e desexo de poder de institucións financeiras e multinacionais, que está a servir como desculpa para a aplicación de políticas de recortes de dereitos e liberdades, e para a privatización de bens públicos (pensións, saúde, servizos sociais, educación). Mentres tanto, a corrupción empreña o funcionamento das institucións políticas.
Os beneficios da especulación rematan en mans privadas, mentres que a débeda -dunha crise provocada- acaba socializada. Os gobernos, controlados polas entidades financeiras, promoven leis en favor delas mentres que unha parte cada vez maior da poboación é vítima do desemprego, da pobreza e da exclusión social.
Ante esta situación, pretendemos que a veciñanza deixe de ser un suxeito pasivo que se limite a entregar cada catro anos un cheque en branco a un partido político -controlado por un grupo de profesionais da política-. Son necesarias novas formas democráticas, transparentes e participativas, dirixidas realmente á procura do ben común.
Por iso, o noso primeiro e principal obxectivo é impulsar o proceso de construción colectiva dunha nova estrutura de goberno local na que calquera asociación, veciño e veciña (organizad@s en grupos de traballo sectoriais ou territoriais) poda participar na toma de decisións e ser informado cumpridamente da xestión que está a ser executada.
Con este fin estamos a constituír unha Plataforma Cídadá que integre e mobilice a aqueles que consideren que os intereses das persoas deben estar por diante dos intereses de grupos económicos ou partidarios, e queiran construír de xeito cooperativo un modelo coherente e sostible para o noso concello.
Esta plataforma pretende concretarse nunha Candidatura Cidadá cara a participar nas eleccións municipais de 2015, que promova:
  1. A total e efectiva transparencia informativa na xestión do goberno local.
  2. A participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas.
  3. A erradicación de calquera sinal de clientelismo ou nepotismo da Casa do Concello.
Chamamos a participar nela a quen compartan, ademais, estes principios básicos comúns:
  • Loitar por unha sociedade máis xusta e solidaria, dando prioridade ao ben común sobre o interese privado ou partidario.
  • Traballar pola efectiva igualdade de dereitos para tod@s e a eliminación de privilexios para algúns.
  • Defender as liberdades individuais e colectivas.
  • Defender o carácter universal, gratuíto e de calidade dos servizos públicos.
  • Salvagardar o noso patrimonio natural e cultural.


Asinantes do Manifesto:


Rocío Botana García
Jesús Javier Chao Lolo
Manuel Ramón Díaz Teijeira
Emilio García Garcia
Julio César González García
Matilde González Gómez
Antonio Gregorio Montes
Arturo Linares Martínez
Chemi Lombardero Rico
Evaristo Lombardero Rico
Francisca López de Prado Nistal
Carmen Manzanal Gómez
María Novo Fernández
Mario Penelo Riva
Eduardo Piñeiro Rouco
Elvira Posada García
David Regueiro Rama
Iván Rodríguez Lombardero
Jon Urbieta Igual
Victor Villar Caamaño
Antonio Villarino Rego


CONTACTO:
Podes informarte ou sumarte á nosa iniciativa escribindo ao enderezo ribadeoencomun@gmail.com tamén estamos en Facebook e Twitter